Área Metropolitana de Vigo: sexamos sensatos

7 de April del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/area-metropolitana-vigo-sexamos-sensatos/idEdicion-2011-04-07/idNoticia-656883/

O mundo está ateigado de políticos embutidos nunha epiderme de argumentos partidistas, estereotipos ideolóxicos e clixés gremiais. De todos os xeitos, tamén hai políticos que acertan ao desembarazarse do seu pelello ideolóxico igual que as cobras, ás veces, deixan atrás a súa camisola cutánea. Non sei se o presidente Núñez Feijóo se desprendeu da súa pelame de político gris ou se atinou de pura casualidade, pero recoñezo que nesta oportunidade acertou ao abordar a cuestión da área metropolitana de Vigo. Digo isto logo de ler o borrador do anteproxecto de Lei da área Metropolitana de Vigo. Esta norma resulta dunha importancia capital para unha cidade da categoría de Vigo. A cidade olívica é unha metrópole enmarañada, ardua e moitas veces fanfurriñeira, pero é tamén universal, viva e cosmopolita ademais de constituír o motor industrial de Galicia e o faro do Atlántico, por iso os cidadáns vigueses debemos apoiar unha das reclamacións históricas que suporá a articulación dunha área supramunicipal que comprenderá unha rexión urbana que se estende desde a súa capital situada en Vigo abranguendo Cangas, Moaña, Soutomaior, Fornelos, Pazos de Borbén, Redondela, Nigrán, Baiona, Gondomar, Mos, Porriño, Salceda e Salvaterra. Semella previsible que, a partir de agora, Vigo terá o status institucional que lexitimamente lle corresponde. Polo que puiden ler e interpreto do devandito borrador de anteproxecto os redactores pretenderon bosquexar e harmonizar neste texto uns principios centrais reitores á hora de desenvolver o proceso de creación da área procurando a eficiencia administrativa, o absoluto respecto á autonomía local e o superior compromiso e responsabilidade cun ámbito consolidado de competencias para o novo ente. Así, amplíase o ámbito competencial definido en 2005 en materias como o urbanismo e inclúense novas atribucións, como os servizos sociais ou o medio natural. Entendo que este anteproxecto aposta polo consenso e creo sinceramente que se enriqueceu con determinadas achegas feitas por profesionais, técnicos e investigadores da Universidade de Vigo, os concellos integrantes e tamén penso que non ten nada que lles envexar a outros textos legais similares como o que regulamenta a área metropolitana de Barcelona.

Son un demócrata convencido e por iso creo que é a cidadanía a que debe decidir democraticamente como se debe articular o territorio, o transporte, as políticas públicas ambientais, a ordenación e o respecto da nosa contorna municipal e supramunicipal, e isto, que é básico, tardamos en conseguilo case dúas décadas, porque, se non recordo mal, foi no ano 1992 cando se creou a Mancomunidade da área Intermunicipal de Vigo, cando os alcaldes asinantes, fixaron como obxectivo irrenunciable, dos municipios implicados, dar ese primeiro paso pensando en artellar a área Metropolitana. Porén a inacción de certos políticos mediocres -nomeadamente do PSdeG- provocou o atraso e esquecemento deste proxecto. Con todo, no futuro será necesario desenvolver esta norma e concretar algunhas cuestións que aínda non se definiron como as competencias e recursos que se deben ceder desde a Xunta, a Deputación provincial e os concellos que integrarán este conglomerado supraurbano.

Desde Galicia Hoxe fago un chamamento aos actuais dirixentes do PSdeG e BNG para que apoien de xeito decidido este proxecto porque é unha cuestión capital para a nosa cidade. O número de concellos que compón a área é unha cuestión secundaria xa que o propio proxecto inclúe un procedemento moi sinxelo para ampliar o número de membros, sempre que os órganos da área estean de acordo. Do que se desprende do texto parece que só fará falta un decreto da Xunta e non un cambio na lei, que sempre é máis complexo e demora moito máis tempo. Sexamos sensatos e apoiemos sen reservas este proxecto, porque do contrario estariamos liquidando unha oportunidade histórica.