Apontoar a cultura e a lingua galega no mundo

1 de May del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/apontoar-cultura-lingua-galega-no-mundo/idEdicion-2011-05-01/idNoticia-664380/

A Orencio Pérez González, xuíz, galeguista e amigo, in memoriam

"A nosa lingua, fala na que se expresaron os nosos devanceiros, na que o pobo sinxelo cantou as súas dores e inquedanzas é a meirande creación artística do pobo galego ó longo dos séculos, é vencello que nos une a tódolos galegos que foron, somos e serán, dende a Baixa Idade Media ata consumarse as mil primaveras que o inmorrente Álvaro Cunqueiro profetizou para o noso idioma. O falar unha mesma lingua únenos os que naceron en lugares tan distantes coma os duros cantís de Fisterra ata os mornos vales do Sil, desde as terras batidas polas ondas do Cantábrico ás mansiñas augas das Rías Baixas"

Orencio Pérez González

"Na natureza existe a regularidade, non todo ocorre por accidente"

Mark Pagel

O fenómeno da globalización está producíndose dun xeito vertixinoso e incontrolable. Ao crearse os medios que permiten a chegada da información e as mercadorías cada vez máis rapidamente a calquera punto da Terra, o mundo volveuse máis pequeno e interdependente. Este é un proceso asociado ao desenvolvemento dos mercados sen fronteiras reforzado polas novas tecnoloxías da sociedade da información. A este proceso globalizador e de cambio mundial non escapan, tamén, as relacións culturais e lingüísticas cun claro predominio das culturas máis poderosas que exercen unha forte presión sobre as máis débiles. O proceso de globalización leva á hexemonía e extensión de determinadas culturas e idiomas dominantes. Neste espazo cultural sen fronteiras, a cultura, lingua e literatura galega reúnen numerosas potencialidades e poderían dotarse das ferramentas para facer fronte, con éxito, á devandita penetración e dominación cultural e lingüística.

As actividades culturais enriquécense co contacto, coa interrelación e a mestizaxe con outras culturas. A cultura galega poderíase enriquecer se os responsables do aparello institucional cultural tivesen unha vocación máis cosmopolita e universalista. Galicia desenvolveu un percorrido histórico propio, construíu relacións e valores que contribuíron á diseminación do espírito humanista, á rexeneración do pensamento ilustrado e, refugados algúns erros, no respecto pola diferenza cultural e étnica. A nosa identidade moderna formouse nesa osmose universal de contactos a escala planetaria con pobos e linguas, enriquecéndonos mutuamente. O galego é unha lingua importante que comprende preto de 200 millóns de falantes (tendo en conta galego e portugués) espallados polos cinco continentes, inseridos en países en expansión poboacional e cun xigantesco potencial económico como Brasil, Angola ou Mozambique.

Galicia está inserida nun Estado plurinacional e nun espazo económico europeo e o esforzo de modernización e desenvolvemento afastárona doutros obxectivos que pasan pola súa afirmación cultural e o seu irmandamento co chamado "mundo lusófono". A construción de novos eidos para un afondamento da lingua e da cultura comúns é esixencia que a historia e o futuro nos impón.

A utilización das tecnoloxías de información e comunicación poderían desempeñar unha función importantísima no apontoamento e mellora das relacións culturais xa que as devanditas novas tecnoloxías transportan mensaxes que poden acurtar distancias, unir visións e acrecentar contactos. A iniciativa de multiplicar os contidos en galego en internet gaña pleno sentido e reforza a presenza do noso idioma nas areas da lusofonía e no resto do mundo.

Máis explicitamente, a intervención cultural tería que pasar pola constitución de bancos de datos informatizados, edición de soportes multimedia lingüísticos e culturais, a creación de páxinas en internet, o acceso a bancos de datos, a realización de cursos, conferencias e seminarios on-line, que poidan ter o papel tanto de promotor como de federador de informacións.

A presenza de comunidades galegas en distintos lugares do planeta, debido á diáspora como consecuencia da emigración e do éxodo masivo que viviu o noso país en distintas épocas, pode axudar a apontoar a lingua galega no mapamundi. A utilización das novas tecnoloxías, nomeadamente internet, na divulgación e ensino da cultura e lingua galega no estranxeiro, pode axudar a difundir o galego noutros espazos territoriais afastados do noso país. Os centros galegos e asociacións culturais de emigrantes xunto ás comunidades irmás representadas polos nosos veciños portugueses, espallados tamén polo mundo adiante, poderían servir como ferramentas para facer valer a nosa cultura en diversos escenarios do mundo. Creo que estamos nun período histórico excepcional para a amplificación da nosa voz por medio du-nha intelixente utilización dos instrumentos culturais existentes. É un bo momento para o despregue da nosa actividade diplomática favorecedora das nosas potencialidades de penetración cultural noutros territorios e axeitada, tamén, para un desenvolvemento áxil do intercambio cultural con outros pobos.

Doutra banda, opino que o espazo ideal para iniciar e desenvolver a batalla de afirmación dos valores e da cultura galega debería ser a escola. Nela é posible sementar actitudes e comportamentos, promover aprendizaxes consistentes e duradeiros para a consecución destes obxectivos. Dos propósitos do ensino básico debería desprenderse que a escola é o espazo ideal para fomentar a conciencia nacional aberta á realidade concreta nunha perspectiva de humanismo universalista, de solidariedade e de cooperación internacional e desenvolver o coñecemento e o aprecio cara a valores característicos da identidade propia, a lingua, a historia e a cultura galega. A escola podería servir para reforzar ou afortalar un papel importante e primordial no arraigamento desta irmandade e interrelación de pobos a través de currículos que incorporasen contidos que contemplen este contacto entre xeracións, eidos educacionais, mobilidade da poboación estudantil e intercambio de experiencias. A presenza dos centros escolares galegos na rede a través de portais propios, o aumento de ambientes virtuais de apoio ao ensino pode propiciar o intercambio e a interacción entre os pobos.

Nas redes do ciberespazo novos mundos están por descubrir. Contra aqueles que renegan dos valores culturais específicos, minoritarios, localizados, como a nosa realidade galega de país pequeno e aparentemente periférico, e aqueloutros que ven con bos ollos unha disolución das nosas construcións culturais nunha cultura maior, máis puxantes e poderosa, na crenza de que das cinzas dos tempos emerxerá unha única cultura globalizada, estandarizada e baseada nun xeito de vida uniforme, contrapoño a necesidade de afirmación das culturas nacionais, rexionais e locais que poderán vir a enriquecer o conxunto da humanidade e ao mesmo tempo favorecerán a mestizaxe e o beneficio de todas e cada unha das culturas autóctonas. Velaí o camiño para facer xermolar un novo renacemento a escala planetaria.