Afirmar Galicia no exterior

10 de April del 2011

http://www.galiciahoxe.com/portada/gh/afirmar-galicia-no-exterior/idEdicion-2011-04-10/idNoticia-657958/

Nun mundo globalizado e cada vez máis interdependente é necesario artellar mecanismos para que Galicia poida ter presenza na escena internacional. A nosa nación debe ser capaz de influír na axenda dos grandes organismos internacionais. Galicia debería transnacionalizar a súa actuación política e superar o seu secular illamento. A interdependencia estrutural nas relacións internacionais fai que primeiro obxectivo para Galicia teña que ser o da súa afirmación no mundo.

Pequeno país europeo, pequena potencia pesqueira no plano global, nación media, no cadro europeo, Galicia debería ter unha posición propia na orde internacional e unha idea clara sobre o seu papel nas áreas onde se xoga o seu interese como nación inserida nun Estado plurinacional e como país implantado na Unión Europea.

A idea é que Galicia debe favorecer unha orde internacional multilateral, e debe, ademais, xogar un papel activo, tanto na Unión Europea como no resto de organismos e foros supranacionais, nas cuestións da axenda global, sexa no plano económico e social como no plano político e cultural. Significa isto, por unha banda, o reforzo da presenza galega nas principais organizacións internacionais empeñadas no desenvolvemento sustentable. Doutra banda, a colaboración do noso país na estabilidade e seguridade internacional, coa participación e contribución da Xunta de Galicia e das ONG galegas en todas aquelas operacións humanitarias, de xestión de crises e de mantemento de paz, no cadro das organizacións a que pertence o Estado español e en particular nos organismos nos que a Xunta de Galicia poida achegar a súa contribución. Significa, finalmente, atención e empeño, tamén, no debate sobre a reforma do sistema das Nacións Unidas.

Galicia é unha nación europea, pero é tamén un país atlántico que continúa mantendo fortes relacións co norte de Portugal, co mundo lusobrasileiro e con Iberoamérica. Galicia afronta desafíos estratéxicos nas súas áreas de interese histórico: as relacións transatlánticas e con América latina; a construción europea, o seu papel na península ibérica, o seu estreita vínculo con Portugal; e as relacións coa comunidade galega na diáspora.

O primeiro desafío de interese estratéxico para Galicia é a superación das distancias con América latina, e o mantemento dunha comunicación fluída con Venezuela, Cuba, Arxentina, Uruguai, Brasil... para continuar reforzando os seus vínculos transatlánticos. Ademais a nosa Nación debe continuar reforzando a súa actividade diplomática en terras americanas para apoiar as comunidades galegas alí asentadas. Non só porque constitúen unha garantía de defensa de comunidade galega na diáspora, senón tamén porque corresponde ao seu propio interese como nación. Galicia ten que promocionar o seu idioma propio e é por iso polo que resulta urxente articular a creación dun Instituto para conservar, promover e difundir o galego no mundo, equivalente ao Cervantes co castelán, ao Ramon Llull co catalán ou ao Camõens co portugués. Un instituto que debería ter como función principal divulgar a lingua e dar a coñecer a literatura do noso país con actividades que, desde a celebración de congresos, o apoio a creadores ata a concesión de axudas para a tradución de obras galegas a outras linguas ou a presenza regular de creadores e obras nos circuítos internacionais (feiras do libro, mostras de arquitectura e artes plásticas. Festivais de cine, danza, teatro e artes escénicas e performativas...), a promoción de coproducións, de obras cinematográficas e audiovisuais ou a posta en marcha dun gran portal internacional da lingua galega en internet, servirían para incrementar a presenza do galego noutros espazos lingüísticos. Un Instituto desa envergadura tería unha importante ambivalencia: como promotor do coñecemento do idioma, a cultura, a potencialidade produtiva e comercial, o patrimonio turístico de Galicia; e como resposta institucional ás demandas culturais e de extensión educativa da colectividade galega no exterior.

Galicia é un país occidental, simultaneamente, europeo e atlántico, non interesa á nosa nación a elección entre as dúas beiras do Atlántico e moito menos unha opción entre Europa ou América Latina. Interesa, polo contrario, pór en valor a dobre pertenza: facer valer a súa condición de país europeo na relación con Iberoamérica e rendibilizar a súa relación transatlántica como membro da Unión Europea. No cadro Estatal e no cadro da Unión debe traballar neste sentido, pero non pode deixar de participar en todos os escenarios posibles.

O segundo desafío estratéxico para Galicia é o da Unión Europea: o logro do proxecto europeo e a centralidade de Galicia nese proxecto. Nación pequena, xeograficamente periférica, é do interese de Galicia estar, sempre, no centro da construción europea. Como membro da Unión, non interesa a Galicia delegacións nin deseños baseados en distintas velocidades. Con todo se a evolución da integración europea impuxer calquera nova xeometría variable, o interese nacional galego aconsella a presenza da nosa nación en todos os foros e institucións consolidadas ou estruturadas que viñeren constituírse (nos que poida estar presente). Como foi fundamental a actuación das nosas caixas, dos nosos aforradores e do noso tecido financeiro na implantación do Euro no noso territorio, será fundamental para Galicia, a súa presenza en todos os núcleos decisivos, xa sexa nos de natureza política ou económica como naqueloutros que favorezan o apontoamento da cultura galega no exterior. O camiño máis curto e a estratexia máis eficaz para superar a periferia xeográfica é conquistar a centralidade política e asegurar a nosa presenza en todos os foros.

No cadro da Unión e en particular no seo do Consello, especialmente nos órganos onde se expresan por excelencia os intereses dos distintos pobos que configuran Europa, Galicia deberá desenvolver unha diplomacia áxil e alianzas flexibles en función das súas áreas de interese e dos seus aliados. Con todo deberá desenvolver un proxecto propio para a Unión Europea. E baterse por el. Nas futuras reformas institucionais dos tratados da Unión Europea, Galicia debería defender posicións autónomas (dentro da súa marxe de manobra). Galicia debe ter unha estratexia e facer valer as súas posicións propias que deberían estar en consonancia coa defensa dos seus sectores económicos estratéxicos. Forxar alianzas, liderar a posición doutras comunidades nacionais inseridas en Estados plurinacionais e aliñarse cos intereses doutros pequenos países. Poderá ter que facelo e deberá facelo no futuro. Na Asemblea das Rexións debería promover a innovación, o crecemento sustentable e o emprego nas comunidades nacionais sen estado e rexións europeas. Debemos promover políticas que enfronten os desafíos da evolución demográfica e o envellecemento da poboación, a inmigración, a sanidade, a educación, o investimento en I+D+i e a exclusión social. Garantir o desenvolvemento sostible e loitar contra a degradación do medio natural. Defender a democracia na diversidade e promover a pluralidade de culturas, o apoio aos medios de comunicación editados en linguas nacionais minorizadas e a educación nos nosos propios idiomas.

No curto prazo, a elaboración dun Tratado Constitucional ao servizo dos pobos de Europa e a concreción da política europea crítica cos mercados desrregulados superadora da estratexia de Lisboa deberían ser imperativos inmediatos. No cadro peninsular e das relacións con Portugal reside o terceiro desafío.

Coa democratización e a integración europea, o dispositivo xeoeconómico galego continentalizouse e as alianzas externas dos diferentes países ibéricos vanse unificando. Pero significará esa coincidencia que se esvaeceron, tamén, os intereses nacionais. Eu opino que non. Os intereses nacionais permanecen, pero a súa formulación é, hoxe, máis esixente e a súa defensa máis complexa. Porque a lóxica do caracol deixou de funcionar. Nunha economía aberta e nun espazo sen fronteiras as relacións Galicia - Portugal - Catalunya - Euskadi - España, no cadro da Unión Europea, a estratexia non está na construción de fortíns pechados. Está si, na cooperación mais tamén na competitividade da economía. E é ese o desafío: a capacidade para manter en Portugal e no Estado español, centros de decisión económica en sectores estratéxicos para o noso país e a propia capacidade de competencia e penetración das empresas galegas no mercado español e europeo. Ou dun modo máis latexo, no mercado internacional. En boa medida, o terceiro desafío é o da internacionalización da economía galega.

Finalmente, o cuarto desafío é o das relacións con outros territorios afastados de Europa: Asia, África, Oceanía. Aí, o desafío colócase non só no plano bilateral como no plano multilateral. No plano bilateral, é obvio, pero non poderá deixar de dicirse que é do interese estratéxico de Galicia o reforzo das relacións cos países de expresión portuguesa: Angola, Mozambique, Cabo Verde, Timor Leste, Macao... E non só no espazo político, senón tamén no eido económico. Pero para iso, a reforma do sistema da cooperación debe camiñarse no sentido dunha maior coordinación política e institucional como condición esencial para optimizar os recursos e potenciar a eficacia.

No plano multilateral, será de interese para Galicia que a Xunta poida dotarse de novos instrumentos diplomáticos cribles e operacionais para aqueles países nos que poidan existir intereses estratéxicos: por existir comunidades galegas, por haber empresas multinacionais galegas implantadas en devanditos territorios, ou por existir intereses culturais estratéxicos ao estar en áreas de influencia lingüística luso-galaica . Pero, o noso país pode e debe ampliar as súas áreas de intervención en ámbitos diversos. Galicia debe implicarse moitas órbitas de interese como a esfera económica, a política e sen dúbida a cultural. A Xunta de Galicia debería crear e potenciar novos instrumentos de mediación internacional, novos mecanismos de intervención transnacional nos países da área de influencia lingüística lusófona, para que a nosa Nación poidan gañar marxe de manobra e poda incrementar nesas áreas rexionais a súa acción galeguizadora. Nun mundo en globalización e en que se multiplican as redes de pertenza, importa moito potenciar unha rede que poña en valor a nosa cultura, a nosa lingua e que sirva en definitiva para afirmar Galicia no exterior.