A CRISE DA ATENCIÓN PRIMARIA E A PROCURA DE SOLUCIÓNS

21 de December del 2018

O persoal Atención Primaria (médicos, enfermeiras, auxiliares administrativos, celadores, ...) reunímonos moitas veces, protestamos aínda máis e, cada certo tempo, comezamos outra vez. Para algúns seguro que somos uns inconformistas, uns rosmóns, insolentes e indisciplinados... pero nós preferimos pensar que somos uns profesionais responsábeis e conscientes do deterioro progresivo da sanidade pública.

Recentemente os 22 xefes de área e de servizo presentaron a súa dimisión ante a vergoñenta caída da calidade asistencial na nosa área sanitaria. Chegouse á actual situación de sobrecarga asistencial e deterioro da atención sanitaria pola mala planificación e os recortes incesantes en dotacións, material e persoal.

O conxunto dos profesionais de Atención Primaria que vivimos e sufrimos os recortes abusivos das contratacións eventuais e a redución insoportábel de persoal somos tamén espectadores impotentes do deterioro da calidade asistencial e percibimos desasosegados o funcionamento anómalo da actividade cotiá nos centros de saúde. Ademais sufrimos unhas relacións laborais adulteradas pola escaseza de efectivos e iso acaba repercutindo na defectuosa atención dos pacientes.

Observamos que os centros de saúde nos que desenvolvemos o noso labor asistencial van quedando obsoletos e as súas infraestructuras e material van deteriorándose progresivamente.

Consideramos que o devandito deterioro e mal funcionamento da sanidade pública abrangue toda Galicia e iso por mor da política sanitaria do Partido Popular de Galicia que procura intencionadamente a degradación e descapitalización do sistema público para favorecer ás empresas privadas.

Os profesionais da sanidade pública que prestamos os nosos servizos nos centros de saúde e outras dependencias de Atención Primaria buscamos novos xeitos de mellorar a atención socio-comunitaria e esforzámonos tamén por conseguir unha mellora continua da medicina de familia e unha atención integral dos pacientes. Para iso constituímos grupos de traballo e foros de debate en Atención Primaria. Asemade traballamos como aliados e colaboramos con entidades moi distintas: sindicatos de traballadores, colectivos de usuarias e usuarios e organizacións profesionais.

E que obxectivos temos os profesionais? Como obxectivos xerais temos o recoñecemento da Atención Primaria no seu papel de eixo central da asistencia sanitaria; a potenciación das políticas de saúde de consenso e comúns para todas as cidades e vilas de Galicia; a análise das necesidades de recursos e reorganización da súa distribución en base a necesidades de saúde e a abordaxe do estudo e mellora das prestacións. Cremos que debería redactarse un novo Plan de Mellora, liquidado por Nuñez Feijoo ao chegar á Presidencia da Xunta no ano 2009.

Ademais traballamos no estudo e elaboración de propostas para a creación de áreas de mellora na Atención Primaria. Pensamos que aquelas áreas que se poden abordar sen custo engadido e que teñen moi fácil consecución serían:

- Regular a burocracia nos diferentes niveis asistenciais.

- Xestionar racionalmente a Incapacidade Temporal (IT).

- Ter libre acceso a probas diagnósticas (capacidade resolutiva).

- Reorganizar os centros: tempo para docencia e investigación, flexibilidade de axendas, regular e definir roles.

- Participación dos profesionais na toma de decisións do ámbito sanitario.

- Diminuír a dispersión de centros de saúde: axeitar os recursos ás necesidades dos usuarios e profesionais.

- Mellora e formación continuada da pediatría en Atención Primaria.

- Elaboración dun Informe de saúde único e axustado a necesidades normativas.

- Avaliar o investimento en investigación, desenvolvemento e innovación tecnolóxica en Atención Primaria.

Ademais moitos profesionais da Atención Primaria opinamos que tamén é necesario:

- Regular a poboación asistida.

- Conectar a medicina de familia coa universidade.

- Homoxeneizar os orzamentos sanitarios nas diferentes áreas sanitarias.

- Mellorar o uso da Receita electrónica.

- Desenvolver áreas de capacitación específica en Pediatría de Atención Primaria.

- Avaliación continua da Atención Primaria e desenvolvemento de estratexias de mellora e control de calidade.

- Campañas de educación para a saúde: uso racional dos servizos sanitarios.

 

Queremos que se teñan en conta as nosas propostas e iniciativas e pensamos que debemos estandarizar o funcionamento da atención primaria en toda Galicia e coordinarnos coas organizacións de usuarios e usuarias para mellorar a calidade asistencial, romper coa rutina, a desgana ou os elementos desmotivadores, e perseguir decididamente o mellor para os nosos pacientes e para a Atención Primaria.

 

* Óscar Lomba e licenciado en dereito e diplomado en maxisterio. Traballador e usuario da sanidade pública