As persoas con necesidades especiais e a reforma da Constitución Española

17 de December del 2018

Acábanse de cumprir 40 anos da Constitución española de 1978 e o Executivo de Pedro Sánchez impulsou unha reforma moi concreta relativa á denominación que reciben nese texto constitucional as persoas con discapacidade. Precisamente esa é a denominación coa que o Anteproxecto de Lei aprobado recentemente polo Consello de Ministros defende que o artigo 49 debe referirse a este colectivo.

 

As persoas con discapacidade ou necesidades especiais son individuos que presentan condicións físicas, sensoriais ou psíquicas de desenvolvemento limitativo ou problemas cognitivos, que constrinxen ou dificultan a súa capacidade para desenvolver a súa vida cotiá e por conseguinte requiren dunha atención de saúde integral e multidisciplinaria que teña en conta á súa familia e aos diferentes sectores da sociedade.

 

O 15 de xuño deste ano Vicky Bendito decidiu lanzar a petición "Son xorda, non diminuída aínda que o diga a Constitución" #NonSonDisminuida na web de mobilización cidadá change.org. E a iniciativa, que recolleu máis de 80.000 firmas, xunto á vella reivindicación do CERMI, da man de Jordi Xuclà, presidente da Comisión para as Políticas Integrais da Discapacidade do Congreso dos Deputados, chegou á Comisión Constitucional o pasado 3 de xullo de 2018.

 

Na súa actual redacción o devandito artigo, encadrado no Capítulo Terceiro (Dos principios reitores da política social e económica), afirma que: "Os poderes públicos realizarán unha política de previsión, tratamento, rehabilitación e integración dos diminuídos físicos, sensoriais e psíquicos aos que prestarán a atención especializada que requiran e ampararanos especialmente para o goce dos dereitos que este Título outorga a todos os cidadáns".

 

A proposta de reforma vai moito máis alá da simple terminoloxía. Por unha banda, refórmase a estrutura do artigo en coherencia coa multiplicación dos enfoques dende os que se aborda a discapacidade. Por outro, adáptase ás concepcións actuais sobre a protección das persoas con discapacidade, que xa non se basean na concepción médico-rehabilitadora subxacente na súa redacción orixinal.

 

A redacción proposta é a seguinte: 1.As persoas con discapacidade son titulares dos dereitos e deberes previstos neste Título en condicións de liberdade e igualdade real e efectiva, sen que poida producirse discriminación. 2.Os poderes públicos realizarán as políticas necesarias para garantir a plena autonomía persoal e inclusión social das persoas con discapacidade. Estas políticas respectarán a súa liberdade de elección e preferencias, e serán adoptadas coa participación das organizacións representativas de persoas con discapacidade. Atenderanse particularmente as necesidades específicas das mulleres e nenas con discapacidade. 3.Regularase a protección reforzada das persoas con discapacidade para o pleno exercicio dos seus dereitos e deberes. 4.As persoas con discapacidade gozan da protección prevista nos acordos internacionais que velan polos seus dereitos.

Entendo que o obxectivo desta reforma, que supoño será consensuada con todas as forzas políticas, é pór énfase sobre os dereitos e deberes dos que son titulares as persoas con necesidades especiais ou discapacidade, como cidadáns libres e iguais. A reforma inclúe expresamente a participación das súas organizacións representativas e salienta a situación de especial vulnerabilidade das mulleres e nenas con discapacidade. Conságrase asemade o principio de protección reforzada das persoas con necesidades especiais ou discapacidade, e á que ofrecen os tratados internacionais que velan polos dereitos das persoas con discapacidade.

 

A proposta de reforma contou coa participación de diversos colectivos representados polo Comité Español de Representantes de Persoas con Discapacidade (CERMI). Na súa defensa da proposta, o Executivo recoñece que o artigo 49 da Constitución "foi un gran avance na protección das persoas con discapacidade", xa que "recoñeceu constitucionalmente ao colectivo e previu un ámbito concreto de protección". Porén, "o paso de catro décadas fixo envellecer o texto constitucional". Ademais, "neste tempo aprobouse a Convención sobre os dereitos das persoas con discapacidade de 2006, que supuxo un punto de inflexión no recoñecemento e protección dos seus dereitos".

Veremos como queda finalmente redactado o novo texto do artigo 49 da CE.